V CARREIRA SOLIDARIA

V CARREIRA SOLIDARIA

De todos é ben sabido que calquera actividade física é moi saudable para o noso benestar, pero se a iso lle engadimos facelo por unha boa causa, o resultado non pode ser máis que satisfactorio. Iso foi exactamente o que lle aconteceu a todo o noso alumnado, o cal participou nesta mañá de venres na V edición da "Carreira Solidaria Colexio Vista Alegre".

Detrás desas máscaras que, desgrazadamente, séguennos a acompañar, podíanse adiviñar esas caras de emoción á hora de entregar os seus alimentos como forma de inscrición e participación no evento. Estes foron recollidos, posteriormente, polo Banco de Alimentos. Sabían que as súas aportacións axudarían a que moitos nenos e nenas coma eles puidesen gozar destas datas como se merecen.

Se iso non era motivación abondo, as mensaxes de felicitación da madriña e padriño desta edición, non fixeron máis que impacientalos para dalo todo na carreira. Tanto Alexia Putellas (xogadora de fútbol do F. C. Barcelona e recentemente galardoada co balón de ouro que a acredita como mellor xogadora do mundo) como Martín de la Puente (xogador de tenis en cadeira de rodas e diploma paralímpico nas paralimpiadas de Río 2016 e Tokio 2021), ademais de saudar aos nosos nenos e nenas, quixeron destacar a importancia deste tipo de iniciativas, da cal eles tamén foron partícipes.
E por fin chegou o momento! O alumnado foi baixando e correndo por quendas comezando polos máis cativos e rematando polos maiores. Pero iso si, todas e todos coa mesma ilusión e satisfacción polo significado do que estaban a facer.

Acompañamos estas palabras con diferentes instantáneas desta mañá tan especial, aproveitando a ocasión para agradecer a tódalas familias o seu compromiso e colaboración.

PROFE JOSE LUIS F.