Sabes por que se celebra o 30 de xaneiro o día da Paz?
Celébrase o día 30 de xaneiro para conmemorar a morte de Mahatma Gandhi, que foi un activista, avogado indio e líder pacifista, que promoveu a non violencia e a resistencia pacifista á inxustiza.
Esta xornada educativa non gubernamental foi fundada en 1964 polo poeta e pacifista mallorquino Llorenç Vidal, para apoiar a educación non-violenta e pacificadora.
Sabes por que o símbolo da paz é unha pomba branca?
Na historia do Diluvio universal, cando xa se acabou, Noé, para asegurarse de que xa se podía desembarcar, soltou unha pomba branca. Intres despois, a pomba volveu cunha rama de oliveira, o que significaba que a auga xa baixara o suficiente, e así, empezar unha nova era de paz con Deus tras o diluvio. Por iso, a pomba é o símbolo da paz.
Historia para o día da paz
Hai moitos anos, un día moi nubrado e con fortes ventos, desatouse unha guerra entre dous países para ver quen era o máis forte dos dous. Despois de moitos meses de enfrontamento un xastre ao que non lle gustaba que o seu país estivese en guerra foi a falar co rei da súa rexión.
Na conversa o xastre pediulle ao rei que acabaran coa guerra, pero este contestoulle que el non a empezara e que só se acabaría cando o monarca do outro país admitise que el era o soberano do territorio máis forte. O xastre confuso, foi falar co rei do país contrario e este díxolle o mesmo.
Como o xastre quería acabar coa guerra, mandou unha mensaxe aos dous facéndose pasar por eles dicindo que quedarían para falar nunha montaña entre os dous países. Ao día seguinte, os dous monarcas foron á montaña e alí atopáronse co xastre que lles explicou todo. A verdade é que ningún dos dous reis lembraba de como xurdira a conversa de cal era o país máis forte, que provocara a guerra e os dous acabaron con ese enfrontamento.
Desde entón eses dous países uníronse, xa que os dous reis eran grandes amigos, a pesar desa guerra. Ese territorio tamén se converteu no país máis pacífico, xa que se deron conta de que aquela guerra non tiña ningún sentido.
Sara Casal 2º ESO